O Concello de Ourol organiza o espectáculo musical “Patios de Luz” da cantautora galega Su Garrido Pombo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta actuación terá lugar o domingo 23 de novembro no Centro Social de Merille ás 17:00h.
A través da música e da palabra, “Patios de Luz” convida a poñer luz nas historias invisibles de tantas mulleres que sofren violencia ou desigualdade no silencio. O título é unha metáfora deses espazos ocultos que, malia permanecer agochados, deixan entrar a claridade e fan posible a vida. A cultura, neste caso, convértese nun espazo de encontro, reflexión e esperanza, porque só cando abrimos os nosos patios de luz pode entrar a igualdade.
Con esta actividade, o Concello reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia machista e coa sensibilización social pola igualdade. Durante o evento realizarase unha campaña de divulgación de información coa entrega de trípticos e guías con recursos e servizos de apoio contra a violencia de xénero.
