Ourol conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
O Concello de Ourol súmase un ano máis á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha programación que combina a expresión musical e a participación cidadá como vías de sensibilización e compromiso social, baixo o lema “Ourol dí NON á violencia contra a muller”.
- Os actos arrancarán o domingo 23 de novembro, ás 17:00 horas, no Centro Social de Merille, cun espectáculo musical da cantautora galega Su Garrido Pombo, titulado “Patios de luz”, unha proposta que convida á reflexión a través da música e da palabra.
- O martes 25 de novembro, ás 12:30 horas, celebrarase a VII Andaina da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun percorrido simbólico polo Paseo da Rega de Ourol, no que se realizará a lectura institucional dun manifesto de rexeitamento á violencia machista. A actividade está aberta a toda a cidadanía e non require inscrición previa.
Durante ambos eventos distribuiranse trípticos e guías de recursos de apoio e prevención contra a violencia de xénero, elaborados polo propio Concello, Xunta de Galicia e a Asociación de Mujeres en Igualdad Provincial de Lugo (Bumei).
Con esta programación, o Concello de Ourol reafirma o seu compromiso coas políticas de igualdade e coa construción dunha comunidade libre de violencias.
Estas actividades están financiadas con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ourol. Teléfonos 982 559 109 / 677 489 457.
