A Ferrería, Industria de Tempos Remotos en Ourol

A FERRERÍA, INDUSTRIA DE TEMPOS REMOTOS EN OUROL

Durante cinco anos, entre 1960 e 1965, no concello de Ourol elimináronse as moreas de escouras que durante séculos estiveron acumuladas en diferentes puntos da súa xeografía. Desapareceron, facéndome eco dun dito popular: “na arte do demo”, sen que ninguén se preocupase que fixeron alí tantos séculos.

As escouras eran os restos da fabricación do ferro que durante un longo período de tempo se realizou na nosa contorna, aínda que o epicentro do espolio foi Ourol, tamén se fixeron sacas en Muras, Viveiro e Vicedo.

O destino dese material sobrante era volvelo a utilizar na fabricación de ferro debido a alta riqueza que contiñan nese elemento.
A gran maioría das escoiras foron a parar ós fornos que ENSIDESA ten na cidade asturiana de Avilés.

A ELABORACIÓN DO FERRO

Antes de que a humanidade entrase no período da historia escrita, estivo miles de anos precedido por outros tres denominados idades: a de Pedra, a de Bronce e a de Ferro. Este último mineral tivo e ten para a humanidade unha importancia determinante para a súa existencia. Na actualidade fabrícase en grandes fornos con tecnoloxía punteira, pero os inicios foron moi distintos, totalmente artesanais.

O ferro atópase na natureza formando parte das rochas en máis ou menos proporción, naquelas nas que a concentración é maior, aprovéitanse para extraerlle o mineral.

O proceso tradicional para separar o ferro dos outros elementos comeza calcinando as pedras, polo que é necesario construír fornos e poñelas rochas despois de partilas a alta temperatura, tendo a leña, e o seu derivado, o carbón vexetal, como base para quentalas.

É un proceso semellante ó utilizado para a obtención de cal, actividade que no concello de Ourol se realizou en fornos, aínda hoxe existentes nas proximidades de Sabucedo, ata o ano 1955.

Os fornos que na antigüidade utilizaron para facer ferro eran moito máis pequenos que os do cal.

A TECNOLOXÍA. OS FORNOS

Os fornos utilizados para a calcinación do mineral de ferro en épocas pasadas eran moi diferentes ás macroinstalacións actuais, o estudado no castro de Santa Comba no concello de Ferrol, polo profesor da Universidade de A Coruña, Gómez Filgueiras no ano 2002, calcularon que tiña unha altura inferior a 1,5 metros e un fondo que non pasaba dos 40 centímetros de diámetro.

forno-ferrol
Debuxo do forno de Santa Comba. Ferrol.

Outro forno utilizado en épocas posteriores ó de Santa Comba, é o que os estudosos do tema chaman de cuba baixa ou galo-romano, en servizo durante moitos séculos.

O galo-romano é unha instalación que ofrece vantaxes en relación coas utilizadas anteriormente, non so polo tamaño, xa que teñen maiores dimensións, senón porque presentan unha saída para as escouras durante a calcinación, polo que se chaman tamén de sangrado e non teñen que agardar ó final do proceso para facer esta operación.

O mesmo que os anteriores presentan unhas tobeiras para insuflar aire no interior para avivar a combustión.

Recreación de horno romano. 1: fosa; 2: paredes de arcilla refractaria; 3: murete perimetral; 4: relleno de arena; 5: toberas; 6: pajas y ramas para el encendido; 7: capas alternativas de carbón vegetal y mineral; 8: orificio de sangrado (en Fernández-Posse et al. 2002: 125).

Nesta reprodución sacada do artigo” El Hierro en el registro arqueológico de la protohistoria cantábrica” de Jorge Camino Mayor y Angel Villa Valdés, do Museo Arqueológico de Asturias, editado na revista da Diputación Foral de Bizkaia, apréciase con detalle as diferentes partes de que consta o forno así como as entradas para insuflar aire e favorecer a combustión do carbón vexetal.

As escouras de sangrado producidas durante a calcinación do mineral teñen un aspecto característico. A fotografía fíxose de restos que quedaron no Chao do Batán, Tralasbouzas, mesmo debaixo de Escourido, na parroquia de Ourol, despois da retirada feita na década dos anos 60 do século pasado.

Escouras de sangrado recollidas no Chao do Batán. Ourol ano 2015.

Na Idade Media introdúcese a siderurxia hidráulica polo que as fundicións trasládense ó carón dos ríos en instalacións semellantes ás dos muíños.

Basicamente funcionaban conducindo a auga por medio dunha canle que gaña altura e no final, caía sobre un rodicio que movía un fol que insuflaba ar no interior dos fornos cando se estaba calcinando as pedras para a produción de ferro.

Polo xeral estas ferrerías hidráulicas tiñan outro rodicio que por medio dun dispositivo accionaba un mazo para petar sobre o ferro e darlle forma. Esta mecanización da produción de ferro mellorou considerablemente a eficacia deste proceso.

A ENERXÍA PARA ELABORAR O FERRO. UN BEN ESCASO.

As árbores, como o carballo e algún mato, como as uces, as queirogas e o toxo, eran a fonte de enerxía que, mediante a combustión, producía suficiente calor para calcinar as pedras que conteñen o ferro.

Nos fornos de sangrado alternábanse capas de pedras das rochas ricas en ferro para calcinar e carbón vexetal, co que se obtiñan temperaturas moi altas que pasaban os 1.500 graos, necesarias para que o ferro se funda.

Para atizar a combustión usábanse unhas tubeiras polas que insuflaba aire. Para decidir os sitios onde se colocaban os fornos tíñanse en consideración a cantidade de madeira dispoñible, case sempre se facían nas zonas onde as fragas eran abundantes.

José A. Balboa de Paz, investigador documentalista no seu traballo “ Ferrerías y Machucos en el Noroeste de España en los siglos XVI al XIX”, expón o seguinte sobre o consumo de madeira: “ la proporción de carbón por quintal fundido era aproximadamente de 1 a 6, pero para fabricar 6 quintales de carbón se precisan, dependiendo del tipo de árbol utilizado, casi 30 de madera”.

Este aproveitamento masivo de leña para facer carbón vexetal e despois queimar nos fornos, foi orixe de conflitos entre a poboación do contorno e as ferrerías de transformación.

Os veciños sufrían a deforestación ó verse privados dun recurso necesario para o seu uso cotián, a leña utilizábase para quentala casa, cociñar na lareira e quentar o forno do pan.

Existen referencias documentais destas liortas no propio concello de Ourol, en concreto no funcionamento da ferrería de Bravos. Segundo conta Luís López Pombo no libro “ Municipio de Ourol. Un recorrido por sus parroquias “, este importante establecemento vinculado a familia dos Cora, iniciou a súa actividade a finais do século XV, en 1640 o capitán D. Pedro Fernández de Cora “sostenía pleito con los vecinos de Ourol y San Pataleón de Cabanas, por la tala y despoblación que se producían en los montes a consecuencia de un excesivo corte de leña para sus fraguas”.

Este conflito non debeu ser só polo consumo das fraguas para traballar o ferro, tamén polos fornos para a fabricación, hai un lugar na parroquia de Bravos que se chama Fornos e está sobre a propia beta do mineral.

Un caso semellante pasou a finais do século XVIII na fundición de Sargadelos, a máis importante de España naquel tempo, dedicada a produción de material militar, especialmente para a mariña de guerra, o seu funcionamento obrigaba a consumir gran cantidade de carbón vexetal que se producía coa madeira dos montes da contorna. A poboación local padecía a falta de madeira e estaba obrigada a unha serie de prestacións, como o carrexo do carbón, o que ocasionou unha revolta na que 4.000 veciños arrasaron a ferrería e posteriormente ocasionaron a morte do Marqués de Sargadelos.

AS MINAS DO FERRO

O Concello de Ourol está atravesado por unhas cadeas montañosas ricas en material de ferro, a riqueza neste mineral débese a unha capa sedimentaria, que se atopa en moitos casos aflorando na superficie do solo, e que comeza en terra firme ó carón do mar na paraxe coñecida como “ Fuciño do Porco”, preto da praia da Abrela, no concello de Vicedo, diríxese cara o interior atravesando as parroquias de Viveiro, Galdo, Brabos, Sisto na comarca da Mariña e seguindo por Muras e a Terra Cha.

As minas da Silvarosa, Galdo e Brabos explotáronse de xeito intermitente desde o ano 1896 ata o 1966 en que pecharon de xeito definitivo.
O aproveitamento do mineral trouxo consigo importantes infraestruturas, como o cable aéreo polo que pasaban as caldeiras para o transporte de materiais de ferro entre a Silvarosa e a Ínsua, onde estaba o cargadoiro para os barcos e que hoxe está dedicado a museo etnográfico desta importante explotación mineira.

Este sistema de transporte non chegou a Bravos, onde estaban as minas de Fornos e Labrada explotadas pola mesma empresa, pero segundo informacións de Xesús Albo Fernández, veciño desa localidade que na súa xuventude viviu a actividade das minas, o material estivo na parroquia para ser instalado pero xa eran épocas de declive da minería do ferro.

Mina de Labrada-Bravos. Mediados do século XX. Foto cedida por Xesús Albo.

Outra das minas explotadas ata mediados do século pasado foi a de Lousada no concello de Xermade.

En tempos anteriores, a minería do ferro foi unha constante a través dos séculos, un dos xacementos máis importantes foi o do Coutado, na parroquia de Bravos, pódese apreciar na fotografía aérea feita no ano 1956 no chamado “voo americano”, dous grandes cráteres escavados no monte a poucos metros da aldea.

Desta mina hai unha referencia de Luís López Pombo, autor do libro “Municipio de Ourol. Un recorrido por sus parroquias” no que considera que a explotación mineira é da época romana.

É unha mina a ceo aberto preto do alto do monte, da que había coñecemento na tradición oral dos habitantes do lugar, non só da súa existencia, xa que ten unhas dimensións considerables, senón das localizacións onde se transformaba o material en ferro. Na visita que fixemos a Tomás e a familia, a última que habita o lugar de O Coutado, a súa muller afirmou que escoitara o seu sogro dicir que había un túnel que chegaba a Sabucedo, xa na parroquia de Ourol, polo que sacaban o material.

Está claro que o túnel nunca existiu, pero a lenda fai referencia a que o mineral trasladábase para a parroquia de Ourol, onde naquel tempo había importantes extensións a fragas. Como se verá máis adiante, houbo nesa zona importantes escouredos.

Serra de Sabucedo

Coa posta en explotación da mina da Silvarosa a finais do século XIX desatouse a ambición de moitos empresarios por ter concesións mineiras na serra de Sabucedo e zonas próximas.

El Regional: Diario de Lugo informaba deste feito en 1894.
Por el Gobierno Civil se ha admitido una solicitud presentada por D. Juan Varela, vecino de esta ciudad, como apoderado de D. Pedro de Llano, que desea adquirir 27 pertenencias de material de hierro con el nombre de Armada, sita en los parajes llamados Montes de Chavín y de la Armada de las parroquias de Galdo y Bravos de los ayuntamientos de Vivero y Orol

Poucos anos despois, en 1899 o xornal “El Correo de Lugo: Periódico de intereses morales y materiales” informaba doutra solicitude:
Ha sido admitida una solicitud del Sr. D. Ramón Rebellón Zubiri, de Vivero, por la que desea adquirir 45 pertenencias de material de hierro con el título de Lola en el paraje conocido como sierra de Sabucedo y Loiban en Orol.”.

Dúas décadas despois, en 1920 El Regional: Diario de Lugo, recollía na súas páxinas a seguinte nova: 
Por el gobierno civil ha sida admitida sin perjuicio de tercero y salvo mejor derecho a D. Pedro Alonso, de Vivero, una solicitud de propiedad de doce pertenencias de mineral de hierro, bajo el título de Ortegal, sitas en el lugar de Sabucedo, Ayuntamiento de Orol “.

De todas estas solicitudes ningunha foi posta en explotación, pero demostra o interese polo aproveitamento do material existente nesta cadea montañosa nunha época no que a demanda de ferro medraba de forma exponencial.

Mina na Serra de Sabucedo

Como demostra a existencia de aproveitamentos mineiros e de escouredos esparexidos por todo o territorio próximo á cadea montañosa nesta zona de Viveiro, Ourol e Muras, a produción de ferro debeu ser unha constante a través determinadas épocas da historia.

Hai vestixios de minas a ceo aberto e en túnel o longo de toda a franxa, empezando por O Fuciño do Porco no Vicedo, A Silvarosa e Galdo en Viveiro, Fornos, Labrada, Coutado, Sabucedo, A Borra en Ourol e outras de maior ou menor entidade.

Algunha das minas de ferro explotadas na contorna.

As explotadas en épocas relativamente recentes, o mineral foi transformado fora da contorna, o mineral do Fuciño do Porco levouse para o forno de Sargadelos e o de Silvarosa , Galdo, Fornos e Labrada para o as plantas de Euskadi, pero desde épocas ancestrais, na contorna da cadea montañosa fíxose a transformación en pequenos e medianos fornos, hoxe desaparecidos, como o demostran os escouredos existentes ata a década dos nos sesenta do pasado século.

O EXPOLIO DAS ESCOURAS

En 1960 a economía española empezaba a recuperarse despois da desfeita ocasionada pola guerra civil vinte anos antes, a demanda de ferro por parte dos sectores industrial e da construción levou a que en Asturias, na que a minería do carbón estaba en plena actividade, se instalara en Avilés unha gran planta para a fundición de ferro: ENSIDESA. Xunto con Altos Hornos de Vizcaya eran os centros máis importantes desta actividade transformadora.

Esta planta asturiana foi o destino das escouras procedentes dos escouredos que durante séculos estiveron depositados na contorna de Ourol.

Son moitas as localizacións onde se sacaron escouras de fundición de ferro a mediados do século pasado, segundo información facilitada, fundamentalmente, por Ramón Gómez Vázquez, que traballou nesta actividade como chofer dunha carroceta durante o tempo que durou a actividade extractora.

Estes vehículos estaban deseñados para o transporte militar, eran moi estreitos e tiñan unha pequena caixa, adaptándose ós camiños de carros existentes naquela época, a principal actividade para a que se usaron foi ó transporte de madeira procedente dos montes.

Foron moi utilizadas no carrexo de escouras debido a que a maioría dos escouredos tiñan acceso por camiños.

Chao de Batán, na parroquia de Ourol foi onde se fixo a primeira extracción, lugar próximo a unha aldea chamada Escourido, de clara referencia ó material que alí se atopaba.

Comezaron en 1960 e estiveron quitando nas escouras sobre tres anos, empregaba entre dez e doce homes que facían os traballos de remoción do material e de cargado das carrocetas, o principio totalmente á man. Posteriormente incorporaron dúas cadeas sen fin para a carga e, o remate, apareceu unha pala tipo “araña”, unha autentica novidade tecnolóxica naquel tempo.

O carrexo do material fíxose con carrocetas que transportaban uns catro mil quilos en cada viaxe, o destino era o peirao de Celeiro en Viveiro, onde se acumulaban as escouras suficientes para cargar un barco. O destino deste era o porto de Avilés en Asturias para ser trasladadas posteriormente a siderurxia ENSIDESA, tamén nesa localidade, na que se volvían a fundir. Traballaban diariamente dúas ou tres carrocetas que facían catro viaxes ó día, dous a mañá e dous á tarde.

Escoura recollida en Chao do Batán no ano 2015.

A calidade do material do escouredo de Chao de Batán era excelente, a dicir de Ramón, non era necesario lavalo, como pasou nos posteriores depósitos.

Durante a extracción das escouras apareceu unha moeda romana que o empresario Teodoro Moreda de Foz, promotor da extracción, regalou ó médico da localidade Carlos Vázquez Penabad.

Ferreira, preto do Carmen, na parroquia de Miñotos, ó carón do chamado muíño dos Pita, familia pertencente á fidalguía, houbo un depósito de escouras de grandes proporcións, estiveron coa saca sobre dous anos, nesta extracción debido a súa localización preto dunha estrada, utilizáronse para o transporte camións GMC, como os do exército, de maior capacidade que as carrocetas.

Cruz de Xanceda, preto de Chao da Medas, sacaron escouras durante un ano, a calidade era inferior a do Chao do Batán, tiña mesturada terra e había que lavalas.

Cruz de Xanceda

Rubieira, lugar da parroquia de Chavín, concello de Viveiro, moi preto do río Landro, próximo ó límite con Ourol, sacaron escouras durante en ano, traballando tres ou catro carrocetas tódolos días. Moi preto da aldea hai unha localización chamada Escora.

Ponte de Docín, na parroquia de Silán no concello de Muras houbo outra gran extracción de escouras. Traballaron nela durante dous anos. Esta localización é a única da contorna da que hai documentación histórica desde o século XVI.

Forqueta no antigo concello de Riobarba, actual concello de O Vicedo, houbo unha importante saca de escouras.

En menor cantidade, no concello de Ourol tamén sacaron restos de minerais de ferro nas Lobeiras en Miñotos, en Belsar en Xerdiz e nalgúns máis dos que hai referencias pero non hai localización exacta.

Localización de escouredos

Na toponimia aparecen datos relativos á elaboración do ferro, como é o caso de Escoira, moi preto do Viveirón, no concello de Muras.

En Folgoso, no concello de Xermade, no límite co de Muras, houbo fornos para a obtención de ferro. Este enclave foi estudado por un equipo da Universidade de Santiago no ano 2013.

Todas estes datos amosan de xeito fiable que a actividade transformadora da mena en ferro, a carón da cadea montañosa da serra de Sabucedo, foi unha actividade permanente durante moitos séculos.

O DESTINO DAS ESCOURAS

Un empresario de Foz, Teodoro Moreda, en colaboración con un socio asturiano, foron os que xestionaron a extracción e o transporte á destino das escouras.

O material procedente das diferentes escouras, amoreábase no porto de Celeiro, no concello de Viveiro, ata que había o suficiente para a carga dun barco.

O destino destes era o porto de Avilés en Asturias, onde tamén se atopa a empresa de siderurxia ENSIDESA, nela volvíanse a calcinar as escouras para o aproveitamento do ferro que aínda tiñan, despois de descartalas na fundición primitiva.

Os datos que expoño de seguido saíron do rexistro da “ Junta de Obras y Servicios del Puerto y Ría de Avilés “, onde con todo detalle, nos libros aparecen, entre outros datos: o nome do buque; o día de chegada; porto de procedencia; clase de carga que conduce; Toneladas de carga; consignatario e, no caso do mineral en observacións o destino deste: ENSIDESA ou Siderurgia Asturiana en Mieres.

Libro rexistro de entradas porto de Avilés.

O primeiro embarque con escouras desde o porto de Viveiro con destino ó de Avilés, prodúcese o 19 de abril de 1960, lévao o buque Río Giloca sendo o consignatario Bergé y Cia. No apartado de carga aparecen 2.600 Tm.

Nese mesmo ano o Río Giloca fai a Avilés en total 22 viaxes, coa mesma carga e a mesma procedencia.

Hai outras dúas anotación con mineral procedente de Viveiro pero de diferente consignatario, unha e do buque Fito, con 2.100 TM. de carga con destino a ENSIDESA e outra do barco Tino Díaz con 455 Tm. con destino Siderurgia Asturiana.

En 1961 o Río Giloca fixo 29 viaxes entre a vila galega e a asturiana cargado con 2.600 Tm. organizado polo consignatario Bergé y Cia. Tamén
hai referencia a 8 viaxes desde Viveiro a Avilés de buques de menor tonelaxe entre 185 e 215 Toneladas de carga a cargo do consignatario: C. Asturianos e con destino a siderurxia de Mieres.

En 1962 levou de Celeiro a Avilés con destino a ENSIDESA, o buque Río Giloca 17 viaxes, coa carga habitual de 2.600 Tm.

Este ano, outro buque, o Río Jalón transporta unha carga de 2.650 Tm. con destino a Avilés, con Bergé y Cia. como consignatario.

En 1963 o Río Giloca fai o traxecto catro veces a cargo do mesmo consignatario.
O buque Torres y Bages traslada desde Viveiro a Avilés 2.200 Tm. de mineral tendo como consignatario a Casa Cobos S.A.
Os últimos catro viaxes deste ano fainos o buque Peñafiel con 4.000-4.030-3.850 e 3.800 Tm. tendo como consignatario a C. Ballesteros.

En 1964 o Rió Jalón fai 8 viaxes a cargo do consignatario Bergé y Cia. con ó redor de 2.600 Tm. de carga cada un, outros dous viaxes entre Viveiro e Avilés fainos con outros dous buques: O Monte Garoña con 4.140 Tm. e o Valida con 1.860 Toneladas.
O consignatario C. Bertand contrata o Aline con 1.900 Tm., tamén con destino a ENSIDESA.

O ano 1965 é o último no que se transportan escouras desde Celeiro con destino a Avilés. C. Bertand volve co Aline con 1.900 Tm. e G. Junquera o sete de marzo, co buque Tormes, transporta 2.550 Tm.

Nos cinco anos que durou a actividade extractiva das escouras, segundo os datos proporcionados pola “ Junta de Obras y Servicios del Puerto y Ría de Avilés “ a carga transportada desde Celeiro é de 243.045 Toneladas.

A HISTORIA DA ELABORACIÓN DO FERRO NA CONTORNA DE OUROL. ESTUDOS PUNTUAIS

Buscando documentación que faga referencia a existencia de actividade mineira e elaboradora do ferro na contorna da Mariña Occidental, que estivera relacionada coa extracción dos escouredos que se fixo na primeira metade da década dos anos sesenta do século pasado, atopei moi pouca, posiblemente por non ser un experto no tema ou, pode ser tamén, debido a que aínda queda moito por investigar, fundamentalmente na rama arqueolóxica, xa que na documental hai traballos concretos sobre este tema.

Chao de Batán.
En relación co escouredo de Chao do Batán, no que polo tipo de escoura de sangrado alí existente e pola aparición dunha moeda romana, non parece aventurado o dicir que é desa época.

A única referencia a actividade mineira dos romanos en Ourol é á que fai Xosé Luís Pombo ó falar da mina do Coutado que, como se apuntou anteriormente, comenta a posibilidade de que fora explotada nesa época.

A presenza romana no concello está documentada coa aparición dun lar vial en Miñotos e un ara en Xerdiz, amais dos diferentes topónimos de Vilar, Vilares, Viladóniga e outros existentes na contorna.

Facendo un cálculo, baseado nos datos que Ramón Gómez Vázquez expuxo, estívose traballando durante tres anos, con tres ou catro carrocetas de 4.000 quilos de capacidade e que facían catro viaxes ó día, dous á mañá e dous á tarde, a cantidade de material que sacaron é enorme, que en cálculo aproximado debe superar en moito as 60.000 toneladas.

Debían ter os romanos moita necesidade de ferro para deixar tal cantidade de escouras. En relación a este feito, hai quen considera que na zona de Viladóniga, A Cabreira, Cruz das Leiras, na parroquia de Merille hai suficientes indicios para considerar que explotaron unha mina de ouro que deu orixe ó nome de Ourol. O ferro éralles necesario para a fabricación de ferramentas.

Tomando referencias en traballos de investigación sobre a actividade siderúrxica na época dos romanos no noroeste peninsular, María Martín Seijo e Andrés Tieira Brión investigadores do Departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela no traballo feito en Folgoso no concello de Xermade: Dúas Historias Escritas en Carbón, no que se describe a actividade da produción de ferro con carbón vexetal nesa localidade da parroquia de Lousada, limítrofe co concello de Muras, reflicte a seguinte referencia con relación a época en que se desenvolveu: “O escoural de Folgoso permitiu identificar evidencias materiais da metalurxia do ferro de época romana, cuxos minerais son abundantes nesta zona e as vetas de mineral foron explotadas ata fai poucos anos. A datación do carbón recuperado no interior dunha das escouras no intervalo comprendido entre os séculos II-IV d.n.e. coincidiría moi probablemente coa ocupación da villa de Vilar da Graña, na que se identificaron evidencias da produción de ferro”.

O investigador Xurxo M. Ayan Vila, do mesmo departamento que os anteriores, nun traballo sobre a produción de ferro, realizado en Pobra de Brollón no ano 2005, titulado Etnoarqueoloxía e Microhistoria Dunha Paisaxe Cultural, referíndose a época na que se desenvolveu a actividade produtiva: “segundo a investigación actual, sitúase o abandono total deste sistema de explotacións mineiras, e dos poboados habitacionais asociados, a inicios do s. III d. C.

Hai outros traballos de investigación que tratan da fundición de ferro e, consecuentemente, da aparición de escouras en Lugo capital, en Zoñán, en Mondoñedo, no sur da provincia de Lugo e noutras partes, o que demostra que era unha actividade económica implantada naquela época no país.

Sen embargo, non hai referencias a que en Ourol se establecera nesa época dos primeiros séculos desta era, durante moitos anos, unha actividade siderúrxica.

As ferrerías na Idade Media e Moderna.
Tampouco dos outros escouredos, nos que as escouras xa non son da mesma tipoloxía que as de sangrado romanas, hai moita información.
José Antonio Balboa de Paz do Instituto de Estudios Bercianos, no traballo sobre Ferrerías y Machucos en el Noroeste de España en los Siglos XVI al XIX, manifesta o gran desenvolvemento no establecemento de fundicións de ferro, especialmente en Lugo: “Territorialmente en la provincia de Lugo se construyeron en los siglos XV-XVI el 56% de todas las ferrerías del noroeste”…….” Hemos documentado en nuestro ámbito de estudio, por tanto, 131 ferrerías” “ Si a las 131 ferrerías (ferrerías mayores) añadimos, unos 80 machucos (ferrerías menores) la contidad de artefactos supera lo 210 en la zona estudiada”.

Balboa de Paz, na relación de ferrerías que traballaron na Idade Moderna na contorna da Mariña Occidental fai referencia ás de Lourenzá, Viloalle, Bravos, Silán, Pesqueira, Montoxo e Saramugo.

Ferrería Bravos ano 2015

O investigador documentalista Claudio Gonzaléz Pérez, no traballo “ La Producción Tradicional del Hierro en Galicia ”, facendo referencia ó período comprendido entre 1516 e 1621, di: “por estos años documentalmente se comprueba que trabajaban , entre otras, las de Bravos (Ourol), Gundriz y Lusío (Samos), Pesqueiras (Valadouro), Silán (Muras),Vilaboa (A Pontenova), Vilanova de Louenzá, Vilaseca (Riotorto), Viloalle (Mondoñedo)etc. Otra prueba irreflutable es lo que dice el licenciado malagueño Bartolomé Sagrario de Molina, en su Descripción del Reno de Galicia, publicada en 1550: También herrerías- que es loa en Bizcaya- aquí las tenemos- y muchas de sobra.

Escouras ferrería Bravos

As referencias históricas á ferrería de Brabos están documentadas, aínda que alí non se fixese saca de escouras nos anos sesenta do século pasado.
O mesmo que sucedeu noutros lugares onde se produciu este residuo da fabricación do ferro, moi posiblemente fose destinado para a pavimentación de camiños.

Luís López Pombo, no libro “Municipio de Ourol, un recorrido por sus parroquias”, insire unha referencia ó Catastro de Ensenada: “y aunque en la espresada feligrasía ay una erraría correspondiente a Dho. Dn. Francisco Jerónimo de Cora para allarse deteriorada y sin ejercicio a más de treinta años”.
A ferrería de Bravos estivo funcionando posteriormente, como relata López Pombo no seu libro, aínda que non establece datas concretas.

O muíño dos Pita en Miñotos.
O que hoxe coñecemos por muíño dos Pita, localizado no lugar de Ferreira, débese a que Ricardo Pita Veiga estivo casado con Dolores Ramudo Martínez, filla de Elías Ramudo Lozano e herdeira do pazo con capela e cruceiro que hai no lugar do Carme, o mesmo que as propiedades da parroquia entre as que está o muíño.

Por lóxica debíase atribuír o nome á familia Ramudo-Lozano propietaria durante moitas xeracións.

Capela e cruceiro familia Ramudo Lozano

Os restos do que chamamos muíño atópanse en Ferreira xusto ó carón de onde na década dos anos 60 do pasado século se fixo unha extracción de escouras de moitos miles de toneladas.

Esta circunstancia leva a pensar que lle chamamos deste xeito porque está no río e ten dous rodicios, pero que na realidade doutro tempo a súa función era a de mazo, ou sexa, instalación industrial para a fabricación de ferro.

Esta teoría pode estar avalada pola información do Catastro de Ensenada, que na relación de instalacións industriais en 1753 aparece un mazo na parroquia de Miñotos.

Outra información que pode dar lugar a esta afirmación, é que o mazo debeu ser utilizado tamén como fábrica de papel como expón Luís López Pombo no libro dedicado a Ourol no que di: “la fábrica de papel que hubo a las orillas del río Ferreira

CONCLUSIÓN

Do envío das escouras a ENSIDESA na primeira metade do século pasado somos moi poucos os que lembramos o feito, a gran maioría xa non está por estes lares, dentro de poucos anos a lembranza quedará como algo que se escoitou que pasou ata que se perda no tempo. Creo que esta, o mesmo que outras cousas que pasaron, forman parte da nosa historia e temos o deber de conservala, de saber como foi o pasado, como era a nosa vida noutros tempos.

Si este razoamento pode ter importancia para calquera feito que acaeceu, este caso das escouras é singular porque o material desaparecido foi depositado a través de moitos séculos e xa non son escouras para a fundición nin firme para os camiños, son restos arqueolóxicos que é necesario estudiar para saber o que pasou a través da historia.

Neste senso hai que admirar o traballo feito polas institucións doutras comunidades no estudo da produción de ferro nos seus territorios, como é o caso do País Vasco e de Asturias.

Creo que este tema está agardando a que expertos e investigadores o retomen para saber que pasou co ferro na Mariña Occidental.

Anxo Vázquez Pernas.

Concello de Ourol © 2025. All Rights Reserved - Aviso Legal - Política de Privacidade e Cookies - Accesibilidade

Close Popup

Concello de Ourol utiliza cookies propias y de terceros que permiten mejorar la usabilidad de navegación y recopilar información. No se utilizarán las cookies para recoger información de carácter personal. Solo se instalarán las cookies no esenciales para la navegación si acepta esta característica.

Close Popup
Privacy Settings saved!
Configuración de Privacidad

Puedes revisar tus preferencias de privacidad para ver las cookies que utilizamos para mejorar tu experiencia y la política de privacidad.

Permiten al usuario la navegación a través de una página web, plataforma o aplicación y la utilización de las diferentes opciones o servicios que en ella existan como, por ejemplo, controlar el tráfico y la comunicación de datos, identificar la sesión, utilizar elementos de seguridad durante la navegación o compartir contenidos a través de redes sociales.

GDPR
Permite guardar sus preferencias acerca de nuestra política de cookies.
  • wordpress_gdpr_cookies_declined
  • wordpress_gdpr_cookies_allowed
  • wordpress_gdpr_allowed_services

Wordpress
Cookies propias de Wordpress. Usada para comprobar si el navegador acepta las Cookies.
  • wordpress_test_cookie

Rechazar todos los servicios
Acepto todos los servicios