A Nosa Historia

“O MESÓN”, 160 ANOS DE HISTORIA

O principio coñeceuse só como O Mesón despois fixérono capitalidade do concello e pasou a chamarse Ourol, detrás destes feitos: establecemento dun mesón e declaración de vila municipal, agóchase unha historia que comeza hai 160 anos.

Pódese afirmar que foi o comezo, porque naqueles anos sesenta do século XIX, non existía nada no que hoxe é a estrada e as edificacións existentes entre a casa dos Hermida e a casa dos Blanco, antes chamada “o casino”.

Existía a parroquia desde tempos inmemoriais, tamén o concello desde había unhas décadas pero a capitalidade estaba no Chao de Ourol, tamén xa existían os lugares esparexidos por toda a xeografía parroquial que, naquel tempo, acollía algúns que hoxe pertencen ó Sisto.

Como foi entón para que se poida considerar a Ourol- O Mesón o núcleo urbano máis novo de todo o concello?

A ESTRADA DE ROUPAR A VIVEIRO

Na metade do século XIX hai gobernos moi conservadores e tamén progresistas, os primeiros son partidarios de que as vellas institucións, especialmente a monarquía e a igrexa, conserven os seus atributos tradicionais, os outros, os denominados liberais ou progresistas, queren que se produzan os cambios necesarios para incorporarse institucionalmente e economicamente os novos tempos, inspirados pola revolución social francesa e pola revolución industrial iniciada na Gran Bretaña, ou sexa que rematou o tempo das elites monárquicas e da Igrexa para deixar paso á burguesía.

Foi un período de tempo no que supuxo moitas bagoas para a poboación porque os cambios producíanse despois de loitas fraternais, pero aínda así os cambios fóronse abrindo camiño, e no caso que nos ocupa, o que se abriu paso foi nada menos que unha estrada: a que vai entre Roupar e Viveiro.

Para facernos unha idea de como eran as comunicacións a longa distancia entre vilas e cidades que hoxe nos parecen que están moi preto, vexamos o mapa de Domingo Fontán feito no ano 1845.

Mapa de Domingo Fontán ano 1845

Como se pode apreciar no mapa, as comunicacións que había desde Viveiro para o interior da provincia de Lugo eran dous camiños que atravesaban o concello de Ourol. Era único ata Merille, desde alí un ía pola faldra da serra de Sabucedo ata Sebrán, pasando por Cabalar. O outro ramal diríxese a Xerdiz, cruza o Landro e vai polo alto do monte ata o Viveirón.

Compre subliñar que estes camiños eran de arrieiros, só nalgúns tramos servían para carretas, polo que o transporte de mercadorías facíase con équidos. Os maragatos eran os donos do transporte a longa distancia, traían mercadorías, como aceite, legumes, viño, especies, de todo aquelo que o país necesitaba e levaban para o interior da península peixe fresco e salgado e tecidos, entre outras cousas.

O PROXECTO DA ESTRADA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Parece un contrasentido que nun país como Galicia, dominado polo analfabetismo, a mediados do século XIX a prensa fose un medio de comunicación xeneralizado.

Naquel tempo, era frecuente que en cada vila de certa importancia houbese un xornal e nunha capital ata dous ou tres, cada un actuaba como voceiro do grupo que representaba. Nestes xornais quedou constancia das opinións que suscitaban as novas obras da estrada que se vai emprender entre Roupar e Viveiro.

Outro documento moi importante para coñecer como foi o desenvolvemento da execución das obras, é o Boletín Oficial da Provincia de Lugo, do que se conservan íntegros os números publicados.
Moitos destes xornais é o boletín están dixitalizados nunha páxina da Xunta de Galicia chamada Galiciana, o que nos permite acceder os seus contidos.

A primeira nota escrita que atopei da nova estrada foi no Boletín Oficial da Provincia do día 29 do 12 de 1847, é unha breve referencia que di:
Número 73 – Gobierno Político – Real orden previniendo que se abra un ramal de carretera deste el pueblo de Roupar al puerto de Vivero.

A razón de que se fixera desde Roupar é que estaban traballando na que vai desde Rábade a Ferrol pasando por Vilalba e Pontes de García Rodríguez.

Teñen que pasar uns anos para que se volva a tratar o tema, neste caso é no xornal CLAMOR PÚBLICO – Periódico del Partido Liberal – o 7 de xaneiro de 1849, manifestaba: Inútil ha sido que el Gobierno de S.M. mandase construir posteriormente un ramal que desde la villa de Vivero empalmase con la proyectada Ferrol a Rábade: inútiles cuantos pasos se han dado en el particular e inútiles los clamores del público.

Pouco despois de que o século entrase na segunda metade, en 1851, o xornal: “El Eco de Galicia. Periodico de Intereses Materiales y Amena Literatura”. O primeiro de maio ofrece esta información:

Carretera mista de general y provincial.
Desde el pueblo de Roupar á la villa y puerto de Vivero se trazó y se trabaja en la carretera mista que compone esta linea, cuyas obras principaron en Vivero, y su dirección está a cargo de dicho Sr, Mobellán ( Marcelino Mobellán).

Sobre este tramo, que debía comprender desde a vila de Viveiro ata o límite do concello, hai moita información sobre os presupostos e o seu desenvolvemento nestes primeiros anos da década, non tanto así sobre os outros cinco en que fora dividida a obra.

No ano 1853 aparecen no Boletín información sobre a valoración dos terreos ocupados nos concellos de Ourol e Muras e, tamén a execución dalgún movemento de terras e obras menores.

A finais da década, en 1859, parece ser que entra a presa e as cousas póñense serias. No Boletín do 11 de novembro dese ano, aparece a Real Orde de 25 de outubro de 1859 pola que saen a poxa os cinco tramos restantes cun presuposto de 2.480.998,78 reais.

Unha nota marxinal do Boletín do 19 de setembro de 1860 recolle a seguinte información: En las obras de la carretera de Vivero a Roupar, se admiten cuantos peones mayores y menores se presenten, abonándoles semanalmente el importe de sus jornales y siendo los precios de éstos los corrientes en el pais.

Naquel tempo tódolos traballos se facían a brazo, con operarios, só nalgúns, como o carrexo de materiais, se utilizaba a forza dos animais, polo que facían falla moitos homes e rapaces para executalos.

Non atopei datas de inauguración ou de entrega das obras, é de supor que se faría por tramos, no libro Historia de Vivero y su Concejo de Juan Donapetry está como data de remate o ano 1863.

No ano 1864 execútase o mapa que leva o nome do político liberal Pascual Madoz, no que se detallan os lugares polo que pasa a nova estrada.

Mapa de Pascual Madoz

Apréciase no mapa tódolos lugares que están próximos á estrada, sen embargo, eran moi poucas edificacións que estaban ó seu carón. A altura do que hoxe é o Mesón, aparecen: Sobrado de Abaixo, Sucamiño, Macedo e Casanova.

Co remate da estrada comeza unha nova época, moi diferente no que cambia o xeito de viaxar da xente e do transporte das mercadorías e animais, os carros son capaces de levar cincocentos quilos de peso ou máis, isto repercute na economía e nas relacións sociais.

O MESÓN. UNHA HISTORIA FAMILIAR

No que hoxe é Ourol, recen feita a estrada, o seu carón só había unha pequena edificación de aproximadamente 25 metros cadrados de superficie que, segundo as escrituras de propiedade, está localizada no lugar do Castelo, non é unha casa de labranza a súa función era doutro tipo. Hoxe a edificación está integrada no que foi o primeiro mesón que houbo en Ourol, o número sete da actual numeración.

Para coñecer como foi o nacemento do mesón e do actual Ourol, hai que trasladarse á parroquia de Bravos, máis concretamente a Licín ou Lecín que dos dous xeitos atopei escrito o nome do lugar.

Alí vivía o matrimonio Xosé Sánchez e Xosefa Pérez, el era fillo de Pedro Sánchez da Furada, un dos poucos propietarios do concello de Ourol con suficientes propiedades para ser votante nas eleccións de mediados do século XIX. Naqueles anos só tiñan capacidade para ser electores os que tiñan un nivel económico alto, Pedro Sánchez era un deles.

Xosé tivo catro fillos, Pedro Xosé, o maior, e a terceira, Francisca, quedáronse en Licín, na casa patrucial.

O segundo dos fillos, Manuel Sánchez Albo, casado con Francisca Cao de Ourol, (posiblemente de Nogueira naquel tempo pertencente á parroquia, hoxe á do Sisto), veñen abrir ó mesón de Ourol. Polo que se pode considerar, sen ningunha dúbida, que os fundadores do Mesón- Ourol foron Manuel Sánchez Albo e Francisca Cao.

O mesón feito por Manuel Sánchez Albo de Licín – Bravos.

Vicenta, a cuarta dos fillos de Xosé, casa con Xoán Penabad Pico de Domecelle (Bravos) e abren o mesón de Muras, no lugar das Aguias, aproximadamente nas mesmas datas.

O mesóns de Ourol e Muras pertenceron á familia dos Sánchez de Licín durante máis de cen anos.

Non se coñece o ano no que se construíron os novos mesóns, hai que considerar que a apertura debeu de ser unha vez rematadas as obras da estrada, entre os anos 1865 e 1870. No mapa do ano 1863 no que se localizan as carterías de Galicia, aparecen cada súa en Ourol e Muras, ó carón da nova estrada, o servizo postal prestouse nos inicios desde os mesóns.

NOVAS CASAS NO MESÓN

Feito o mesón no lugar do Castelo, empezan a xurdir casas ó carón del, seguindo a transmisión oral, a segunda casa que se constrúe é a de Cándido, pai de Marinieves, tampouco hai confirmación da data.

A finais do século XIX, Pedro L. Meitín, emigrante cubano retornado, convértese en correspondente de Ourol na revista cubana El Eco de Galicia, en decembro de 1898 informa de novas construcións de casas no mesón, como a de Diego Chao e a de Eugenio Quintana, secretario do Concello.

Un ano despois comenta o inicio da casa de Tomás Rodríguez.

Nesta época trasládase a localización da casa consistorial do Chao de Ourol ó Mesón. En 1907 inaugúranse as escolas construídas por outro emigrante, Vicente Casabella, co que o Mesón queda consolidado como capitalidade municipal.

RETORNAN OS AMERICANOS

Posteriormente cambia o estilo de facer casas, as tradicionais son de pedra, con cachotería asentada en barro, as novas utilizan outros materiais, como o cemento e o ferro. Cambian tamén os deseños, incorporando pisos máis altos, grandes fiestras e xardíns na contorna, sendo moi común que instalen galerías para o aproveitamento do sol nunha terra no que é escaso, elementos propios do estilo modernista que na actualidade chaman “indianas” pola procedencia dos construtores, emigrantes retornados de América.

Deste xeito ó carón da estrada xurde unha unidade veciñal composta por familias de diferente procedencia do concello, converténdose O Mesón en Ourol, capital do municipio.

SEGUE A HISTORIA FAMILIAR DOS MESÓNS

Manuel Sánchez Albo e Francisca Cao tiveron seis fillos, María Juana casa con un Cao Cordido e viven en Muras. Os dous irmáns que lle seguen traballan na casa cunha economía diversificada entre o Mesón-tenda e agricultura. O seguinte, Elías, marcha para Cuba por uns anos, para volver definitivamente no ano 1892, como segue solteiro cásase cunha prima carnal, filla de Vicenta irmán de seu pai, chamada Elvira, do mesón de Muras.

Elías, de novo no país, decide continuar co mesón, o pai e os irmáns maiores desenténdense da xestión e fai unha nova edificación xusto enfronte da anterior que acolle o novo mesón.

O mesmo tempo constrúe o salón, no que se fan bailes, teatro e outras actividades socioculturais.

foto familia
Foto de familia: sentado dereita Elías Sánchez, detrás a súa muller Elvira Penabad, donos do mesón, sentado na esquina esquerda, marido de Amalia, o seu carón Cándida sobriña, encima Maruxa muller de Amador que herdaría o negocio, a esquerda Elena irmá de Cándida.

A quinta filla de Manuel Sánchez, Amalia, casa en Ourol cun zapateiro e fan casa ó carón do mesón primitivo. A máis nova de todas, Espeutación, casa con Manuel Franco de Bravos.

Elías Sánchez e Elvira Penabad non teñen fillos e, co paso do tempo, ven a facerse cargo do Mesón dos Sánchez o seu sobriño Amador Vázquez Penabad. Que rexerá o mesón durante moitos anos ata que é traspasado á familia Balsa, actuais propietarios das instalacións.

Mesón de Elías Sánchez, posteriormente Amador Vázquez, na actualidade Casa Balsa.
carlos vazquez
Carlos Vázquez, médico de Ourol durante moitos anos, co fillo máis novo, diante do mesón e do salón. Foto principios da década dos anos cincuenta do século pasado.

O TRANSPORTE DE VIAXEIROS

Por aqueles anos de finais do século XIX e Principios do XX establécense liñas regulares de viaxeiros, todo comeza cando se pon en funcionamento a liña de tren entre A Coruña e Madrid.

Para a comarca da Mariña Occidental a estación máis próxima é Baamonde sendo, ata que a automoción está establecida, o punto de referencia para o transporte de viaxeiros.

O xornal El Eco de Galicia que se editaba en Lugo, recollía o 6 de outubro de 1892 o seguinte anuncio: Servicio de Carruajes – DE BAAMONDE A VIVERO – Desde el día 10 del corriente, la empresa de carruajes La Unión establecerá un servicio alternado entre la estación de ferro-carril en Baamonde y la villa de Vivero, saliendo los días pares de los dos puntos.

Nos primeiros tempos, ata a chegada dos automóbiles de liña ó final da primeira década do século XX, o transporta facíase en carruaxes tirados por cabalos e mulas, para coñecer itinerarios e horarios, recollemos unha información referente do xornal El Regional: diario de Lugo do día 20 de setembro de 1899:

Eran tempos nos que non valían as presas, si querías ir a Lugo saías de Ourol ás 9 horas e 25 minutos, chegabas a Baamonde ás 8 da noite, alí agardabas polo tren e, con sorte, 12 horas despois da saída chegabas a destino.

O establecemento de liñas de carruaxes para viaxeiros facilitaron a mobilidade da xente, aínda que visto desde a actualidade viaxar era moi sacrificado.

Os automóbiles para o transporte en liñas regulares non aparecen ata finais da primeira década do século XX.

Unha nova da revista Galicia de febreiro de 1908 informa que a empresa Ferrocarrilana que tiña, entre outras, establecidas as liñas de viaxeiros entre Baamonde e a Mariña, di o seguinte:

Hállanse en París gestionando la adquisición de tres automóviles que harán el recorrido entre Baamonde y Ribadeo, los señores D. Francisco Vilas y D. Jose María Orosa.

A Ferrocarrilana socia de La Unión, viña prestando o servizo de carruaxes para viaxeiros a Ribadeo e Viveiro desde facía décadas.

Tampouco era barato viaxar, recollendo a información dun folleto de 1911 chamado: Directorio de Galicia, no que facía referencia ó concello de Muras, da a seguinte información: Servicio automóviles. A Vivero, martes y jueves.
Servicio carruajes. A Vivero a diarío, a las 12 noche, precio 4,50 ptas. Asient.
A Villalba, precio, 4 ptas. asiento.

Dedúcese da información que os carruaxes e os coches conviviron durante anos no transporte de viaxeiros. O prezo por ir de Muras a Viveiro transformado a euros actuais da unha cantidade superior ós 130 euros, había que pensalo dúas veces antes de montarse na carruaxe.

OUROL, UN ANTES E UN DESPOIS.

A estes feitos relacionados co nacemento e os primeiros pasos de O Mesón – Ourol, seguíronlle outros, como o establecemento de bares, comercios, farmacia, panadería, casino, as industrias da madeira, do cal, a constitución da cooperativa agraria, a ampliación da rede de estradas, a instalación da electricidade e do teléfono, o grupo escolar e unha morea de cousas máis, hoxe forman parte da historia que, a súa vez, son historias entrañables para quen formamos parte delas e aínda lembramos como os domingos pola tarde había un auténtico paseo de mozos e mozas que viñan a convivir ó Mesón.

Son lembranzas que non queremos que se esquezan, non por nostalxia daqueles tempos, que eran máis duros e difíciles que os de hoxe, sinxelamente por que forman parte do que somos, para ben ou para mal.

Ourol, Casaldares, Casa do Camiño vistos desde a Igrexa, anos 70 do século pasado.
Vista parcial de Ourol – O Mesón, anos 70 do século Pasado.

Resumindo: Ourol consolidouse como capitalidade municipal, medrando en edificacións e servizos ata os anos setenta do século pasado, no que se agudizou o absentismo da poboación e se entrou no crepúsculo actual.

Anxo Vázquez Pernas.

Concello de Ourol © 2025. All Rights Reserved - Aviso Legal - Política de Privacidade e Cookies - Accesibilidade

Close Popup

Concello de Ourol utiliza cookies propias y de terceros que permiten mejorar la usabilidad de navegación y recopilar información. No se utilizarán las cookies para recoger información de carácter personal. Solo se instalarán las cookies no esenciales para la navegación si acepta esta característica.

Close Popup
Privacy Settings saved!
Configuración de Privacidad

Puedes revisar tus preferencias de privacidad para ver las cookies que utilizamos para mejorar tu experiencia y la política de privacidad.

Permiten al usuario la navegación a través de una página web, plataforma o aplicación y la utilización de las diferentes opciones o servicios que en ella existan como, por ejemplo, controlar el tráfico y la comunicación de datos, identificar la sesión, utilizar elementos de seguridad durante la navegación o compartir contenidos a través de redes sociales.

GDPR
Permite guardar sus preferencias acerca de nuestra política de cookies.
  • wordpress_gdpr_cookies_declined
  • wordpress_gdpr_cookies_allowed
  • wordpress_gdpr_allowed_services

Wordpress
Cookies propias de Wordpress. Usada para comprobar si el navegador acepta las Cookies.
  • wordpress_test_cookie

Rechazar todos los servicios
Acepto todos los servicios