A visión que temos das fervenzas é o dun fermoso espectáculo no que a auga é o principal elemento, a súa irrupción no baleiro causa no observador unha impresión de goce, de atracción, dándolle ó conxunto medioambiental un aspecto salvaxe que contrasta coa rítmica e pausada baixada do ríos cara o seu destino final.
Pero esta visión tan bucólica do espectáculo das fervenzas non sempre foi interpretada neste sentido, hai máis de cen anos o interese polas fervenzas de Ourol era económico, con elas podíase gañar moito diñeiro.
Nos anos de principio do século XX o mundo cambia vertixinosamente, unha sociedade netamente agraria está dando paso a unha economía diversificada na que as innovacións tecnolóxicas causan o asombro da cidadanía.
A súa utilización é moi limitada, pero xa se pode ir nun coche de liña en poucas horas a Lugo, antes nos carruaxes tardábase catro veces máis tempo, as máquinas pódense mover con motores a vapor, a gasolina, e tamén con electricidade, nas casas o alumeado tamén se pode facer con electricidade e lámpadas substituíndo o carburo e as velas.
Todas estes fantásticos inventos son obxecto de desexo dunha poboación disposta a pagalos, só falta que haxa empresarios capaces de ofrecelos e, no caso da electricidade, houbo unha tremenda pelexa entre o empresariado máis poderoso de Viveiro por esta cuestión.
O campo de batalla foron as fervenzas dos ríos de Ourol.
Dous son os persoeiros principais de Viveiro nesta loita por facerse co control das fervenzas de Ourol:
Benigno López Muñoz, un rico empresario que fixera fortuna como armador de barcos, conserveiro e banqueiro. A sede dos negocios e vivenda familiar estaba na chamada casa dos leóns da calle Pastor Díaz na vila de Viveiro.
Era o xefe do partido liberal na localidade.
Tiña como principal colaborador empresarial e político a Xusto Taladrid Catá, natural de Magazos, emigrante retornado de Cuba que presidía a asociación benéfica “ Vivero y su Comarca” dedicada á construción de escolas por toda a Mariña Occidental.
O outro contendente é Xosé Barro González, empresario oriúndo de Mondoñedo afincado en Viveiro e tendo a base empresarial na parroquia de Chavín, onde empezou como socio duns cataláns nunha empresa de tecidos para pasar posteriormente a industria mecánica.
Tiña como principal valedor nas súas incursións administrativas e xudiciais a Cándido Cao Rodríguez de Valcarría, avogado e perito agrícola que chegou a exercer de xuíz de primeira instancia en Viveiro.
Barro, despois de enviuvar, casou en 1910 con Concha Rebellón, familia de propietarios de terras e empresarios cunha ampla traxectoria política ligada ó partido conservador.
Os primeiros encontróns entre Benigno e Xosé debéronse dar xa a finais do século XIX e primeiros do XX cando se decreta a electrificación de Viveiro, que gaña Barro, posiblemente porque era o único da comarca que tiña unha planta de luz .
No Boletín provincial do día 12 de xullo de 1899 aparece un recurso de alzada de Benigno López Muñoz e outros veciños de Viveiro en contra da declaración de utilidade pública polo establecemento do alumeado público en Viveiro, o que pon de manifesto que os dous empresarios ían a por todas.
Nos últimos anos do século XIX e principios do XX, a electricidade estaba iniciando a súa implantación nas cidades e nas industrias, tamén nalgunhas casas do medio rural se puxeron pequenos grupos para dar luz nos fogares, pero o uso da electricidade na comarca da Mariña era moi minoritario.
Na empresa da que Xosé Barro era socio xunto cos empresarios cataláns, tiña un pequeno xerador para o subministro de electricidade ás máquinas da empresa de tecidos, a unha serra e a un muíño.
En 1896 Barro gaña o concurso para o subministro de enerxía eléctrica a Viveiro, o consumo aumenta cada vez máis polo que necesita máis auga e que teña máis altura de caída que sexa capaz de mover xeradores con maior potencia.
Fixo outra captación de auga e puxo outro xerador río Landro arriba, pero sabe que a demanda non fixo máis que empezar e que hai moito negocio por diante.
Antes de entrar no conflito polas fervenzas no concello de Ourol, quero describir un feito que sucedeu nese tempo (non sei a data con exactitude) que se comenta no val de Chavín pola xente xa entrada en anos.
A historia foi o intento de Barro de arrolar unha pena do monte da Mereleixa ( por onde hoxe pasa a canle que subministra auga ó xerador existente ) para facer un encoro no río Landro.
O outro protagonista deste feito foi o canteiro Francisco Veiga, “ O Pena” de Pedrafita de Miñotos, que deixou nos cemiterios do concello de Ourol unha impresionante obra de imaxinería.
A pena da Mereleixa sobresaía na peada faldra da montaña que daba a impresión que con pouco esforzo chegaría soa ó río.
Puxéronse a obra para baixala pola ladeira, estibando e cavando a terra que tiña por baixo e lograron que arrolara, case ata a beira do río, pero non foi posible que chegara ó seu canle. Houbo que buscar outra solución río arriba, no concello de Ourol.
A orografía do concello de Ourol comeza na baixada norte da serra do Xistral ata as zonas baixas, onde os ríos perden forza antes de chegar ó mar. Esta forte baixada por cuncas fluviais provoca que nalgúns casos o descenso sexa brusco e provoque fermosas fervenzas.
O Landro, e toda a maraña de ríos e regatos que nel verten as augas, pasan no seu camiñar por estas terras de Ourol nalgúns puntos por descensos vertixinosos que provocaron a cobiza de dous empresarios de Viveiro no afán de buscar diferenzas de altura para mover os grupos electróxenos.
O sistema de funcionamento, aínda hoxe vixente, pasa por realizar unha captación de auga, a construción dunha canle para desviar a auga da súa cunca, esta como vai con moi pouca pendente coa finalidade de gañar altura con respecto ó río, cando se chega a un puno no que hai suficiente desnivel, incorpórana nunha tubaxe para que faga o descenso con moita rapidez ata o xerador e o faga xirar a moita velocidade, o que provoca a corrente eléctrica.
Desde ese punto, liñas de fíos aéreas lévana ata o seu destino.
Os datos da historia da loita polas fervenzas nos ríos de Ourol están sacados, na súa gran maioría, do Boletín Oficial da Provincia de Lugo e dos xornais daquela época de principios do século XX.
Por referencias achadas no xornal oficial, é a finais de 1914 cando se esperta a cobiza por ter concesións de fervenzas para producir enerxía eléctrica.
A primeira solicitude faina Xosé Barro González no río Ferreira o 10 de novembro de 1914, para facer a instalación no que denominan na solicitude Fraga do Monte Bru. Na parroquia de Miñotos.
A segunda solicitude faina Xusto Taladrid Catá o día 20 de novembro 1914, para o aproveitamento das augas no río chamado Fervenza de Ximarás. Na parroquia de Santa María de Ourol.
A terceira solicitude está a nome de Cándido Cao Rodríguez de Valcarría, ligado en moitas xestións a Barro, ten data de 12 de decembro de 1914. E pretenden a concesión da fervenza de Sotullo no río das Lobeiras na parroquia de Miñotos.
Non tarda moito en reaccionar o grupo contrario de Benigno López, o seu colaborador Xusto Taladrid Catá, tres días despois da anterior solicitude, o 15 de decembro de 1914, presenta tres solicitudes no Goberno Civil, dúas na mesmas localizacións que fixeran os anteriores, no río Ferreira e na fervenza de Soutullo, e unha nova no río Landro, a 800 metros río abaixo da Ponte da Torre.
O 15 de xaneiro de 1915, Ramón Rebellón Zubiri, emparentado con Barro, presenta solicitude sobre as augas do río Fervenza de Ximarás.
Xosé Barro e Cándido Cao non se queda quedos con relación ás augas do Landro, o 8 de febreiro de 1915, presenta tamén solicitude no mesmo punto cós anteriores, no río Landro 800 metros máis abaixo da Ponte da Torre.
En 1917 seguen presentando solicitudes, Cándido Cao presenta unha solicitude de auga no que o boletín da provincia chama río Carrás nos montes do “Campo do Seijo”, moi posiblemente se refira a localización a fervenza, hoxe chamada Do Forte, que hai preto do lugar dos Currás na parroquia de Xerdiz.
As confrontacións entre estes dous empresarios entra de cheo na concesións da auga, pero tamén noutros eidos económicos, como o da construción da estrada de acceso a Galdo, no que Xusto Taladrid e Xosé Barro compiten pola adxudicación no ano 1917, este último sae vencedor.
Tamén nas concesións de terreos de ribeira para facer almacéns e edificios, Barro chegou a construír un de varias plantas mesmo enfronte de onde tiña a sede o banco de Benigno López. Na actualidade eliminouse.
As liortas entre os dous grupos aireábanse nos dous xornais existentes naquela época na localidade: o Heraldo de Vivero e Verdad y Justicia.
O primeiro fundouno en 1912 Benigno López e era o órgano de difusión do partido Liberal. O outro dirixíao un sacerdote e estaba ligado a Xosé Barro e os conservadores.
As batallas periodísticas sobre temas empresariais entre os dous actores eran constantes e moi duras.
Con estas actitudes de enfrontamento total, quédalles un camiño cheo de obstáculos para os próximos anos, nos que terán especial importancia algúns factores. Por un lado a política, ó pertencer uns ó partido conservador e outros ó liberal, dependendo de quen estea no goberno as posibilidades de adxudicación son máis favorables a uns ou ós outros.
Depende tamén das condicións técnicas do proxecto, teoricamente, a maior eficacia, máis posibilidades de aprobación.
Outra cuestión que foi decisoria é a lexislación sobre augas, especialmente o aproveitamento que se fai delas para os muíños e, en menor medida para a rega dos prados. En algún artigo xornalístico insinúanse catrocentas actuacións xurídicas para redimir conflitos entre os dous grupos.
Se ben tódalas cuncas fluviais da xeografía de Ourol estaban cheas de muíños, a gran maioría deles eran de propiedade comunitaria, quere dicir isto que varias familias se poñían de acordo para a construción, mantemento e aproveitamento do muíño.
Non ten por que ser de forma igualitaria a participación, pode ser que quen o comuneiro que ten máis propiedade e necesite moer máis, teña máis horas de aproveitamento e máis obrigas no mantemento.
O dereito ás augas, que estes muíños teñen grazas as concesións administrativas, outórganlles un protagonismo especial nas concesións para a produción de enerxía eléctrica, como se vai a ver en tres casos concretos: O muíño da Cascucuda, augas abaixo da fervenza de Ximarás, na parroquia de Ourol, o de Ralderes na fervenza de Soutullo, no río das Lobeiras e os de , Viejo e Do Castelo no río Ferrerías na parroquia de Miñotos.
Aproximadamente dous anos despois de presentadas as solicitudes saen no Boletín Oficial da Provincia de Lugo as resolucións sobre os conflitos entre os contendentes:
O día 21 de xuño de 1916, resólvese a disputa entre Xusto Taladriz e Ramón Rebellón pola concesión da auga na fervenza de Ximarás, hoxe chamada da Xestosa.
Resolve o Sr. Director Xeral de Obras Públicas que “ ambos aproveitamentos comprenden entre a súa toma e o seu desaugue varios muíños, e que unicamente o Sr. Taladrid conta coa cesión dos dereitos correspondentes” polo que tivo a ben conceder a D. Xusto Taladrid Catá a autorización solicitada”.
Benigno López e Xusto Taladrid apúntanse o primeiro tanto nesta disputa coa concesión para a auga da fervenza de Ximarás na parroquia de Ourol, pero aínda queda moito camiño por andar, a loita segue.
Tres meses despois, o día 28 de setembro de 1916, sae a resolución sobre a concesión da auga en tres puntos:
Río de Ferreira, presentada en primeira instancia por Xosé Barro, o informe do enxeñeiro expón que en certas épocas o caudal non é suficiente e veríanse prexudicados os muíños de Doña Luísa, Viejo y Do Castelo, situados entre a toma e o desaugue do proxecto presentado por Xusto Taladrid, mentres que se acepta o de Barro por atoparse a toma da auga río abaixo de ditos muíños.
A concesión da auga na fervenza de Soutullo no río das Lobeiras presentada por Cándido Cao, socio de Barro, a estratexia que seguen estes é a de mercar participacións ós comuneiros do afectado muíño de Ralderes, o de Chavín consegue o 93 por cento das 432 partes da sociedade muiñeira, amais promete a instalación dun muíño eléctrico.
Opóñense outros catro comuneiros, é de supor afíns a Taladrid e Benigno López, pero é desestimada a súa solicitude por que son minoría e para seguir o proceso teñen que ir pola vía xudicial.
Recházase a solicitude de Taladrid por que o muíño do que Barro ten a maioría da propiedade veríase prexudicado.
Así as cousas, no mesmo Boletín que as dúas anteriores, resólvese a solicitude presentada en primeiro lugar por Taladrid e despois por Candido Cao sobre o propio río Landro, na parroquia de Xerdiz a altura do lugar de Belsar.
Neste caso non hai muíños fariñeiros por medio, as razóns polas que se concede o aproveitamento das augas son de orde técnico. Estiman os enxeñeiros que valoran os dous proxectos presentados: que debido á lonxitude dos canais, ó desnivel entre estes e onde se sitúan os xeradores de electricidade, o máis eficaz é o de Cándido Cao e, polo tanto, se lle concede a autorización para a utilización da auga.
Nestas decisións non se sabe que influenza tiveron as razóns técnicas e administrativas que aludiron os técnicos; si é que o equipo de Barro era máis astuto á hora de xestionar os proxectos ou que a administración daquel momento era máis proclive os seus intereses. O caso é que Barro ten tres concesións e Benigno López unha. A loita continúa.
Da contenda administrativa pasaron a loita xudicial que se prolongará durante varios anos, o mesmo tempo presentan solicitudes para a instalación de liñas eléctricas desde as centrais ata os puntos de consumo.
Benigno López e Taladrid cambian a estratexia e abren a empresa á participación de novos socios converténdose en sociedade, nalgunha publicación aparece como cooperativa e noutras como sociedade anónima a denominada Hidroeléctrica Vivariense.
O día 21 de agosto de 1917, presenta Francisco García, presidente da sociedade anónima “Hidro-eléctrica Vivariense” solicitude para a liña eléctrica da Fervenza de Ximarás a Ourol e outras localidades. A partir desta data, as solicitudes sobre este salto de auga fanse en nome sociedade Vivariense.
Xosé Barro presenta o día 5 de outubro de 1917 solicitude para a liña que vai desde A Fonte da Retorta ata outra liña xa existente no quilómetro 42 da estrada de Cabreiros a Viveiro.
Cándido Cao, o mesmo día, presenta outra desde “ Carrás” ata o punto de enganche da anterior solicitude.
Parece, que si se instalan as liñas eléctricas, a desexada luz nas casas vai a ser unha realidade, pero isto é unha ilusión porque a loita continúa e, os dous empresarios de Viveiro, entenden que ter éxito propio e amolar ó contrario sen ver os prexuízos a terceiros.
A central da chamada nas solicitudes fervenza de Ximarás ( na actualidade fervenza da Xestosa), nunca chegou a producir electricidade, foi concedida a instalación da liña no ano 1920 grazas o informe favorable dos concellos de Ourol, Muras, Xove e Viveiro, chegouse a construír parte da canle de condución da auga para gañar altura (por el ven o tubo da traída de auga de Ourol), pero as obras quedaron paralizadas en espera de que se resolveran os conflitos.
Benigno López, que debía ser un home moi tenaz, buscou a solución para producir enerxía eléctrica cambiando de río, mercou unha concesión e instalou unha central no río Do Batán afluente do Sor, denominando a empresa “Electra Riobarba”. No ano 1922 tiña concedida a licencia para a instalación da liña eléctrica.
Das outras solicitudes feitas por Barro e o seu grupo, tan só a do Landro na parroquia de Xerdiz foi adiante, as outras quedaron no esquecemento. Na época actual, un século despois, volvéronse a facer presas e centrais nos ríos de Ourol, hoxe chamadas minicentrais.
Ourol, que pola súa xeografía estaba predestinado a ter a luz eléctrica 10 anos antes, tivo que esperar a xuño de 1926 para contar con este desexado servizo nas casas, pero é máis, chegoulle de lonxe por que tiveron que agardar a que a empresa “Eléctrica Riobarba” a trouxera do río Sor.
Nisto non debeu de ser alleo a que o concello de Ourol estaba dominado polo partido Liberal e había que confiar nos amigos, como Benigno López e Xusto Taladrid.
Deste feito tan importante fíxose eco a publicación galega feita na Arxentina: “Correo de Galicia” que imprimía a nova o día 20 de xuño de 1926.
Non hai constancia dos actos que se celebraron no casino para celebrar a chegada da luz eléctrica, pero seguro que foron moi rumbosos.
Chegou a luz Ourol, a Viveiro e a moitos lugares da comarca pero a loita entre poderosos continuou uns anos máis.
Na fervenza de Ximaras na zona da Xestosa despois de iniciar as obras da canle e de ter aprobada a liña eléctrica, a contenda continuou aínda bastantes anos.
Despois de varios procesos xudiciais nos que o dereito ás augas entre os comuneiros do muíño da Cascuda de Xan Branco, pertencentes ó bando de Barro defendían os seus dereitos a moer e os partidarios de López e Taladrid, constituídos en Hidroeléctrica Vivariense, solicitaban a instalación do xerador eléctrico.
No medio deste embrollo, un feito que demostra a astucia de Barro para que non se puidera rematar a presa, a canle e a liña eléctrica, é o seguinte: mércalle un cacho de monte a un veciño veciño da contorna que, nunha noite, converten en horta, deste xeito, previa denuncia no xulgado, impiden o paso das instalacións.
En outubro de 1927 Benigno López fai unha nova solicitude ó gobernador civil da provincia na que explica que os dous aproveitamentos son compatibles, as instalacións do xerador eléctrico están por riba do muíño da Cascuda polo que o río recupera a auga utilizada para mover o xerador de electricidade.
A documentación está en internet dixitalizada na páxina Galiciana da Xunta de Galicia.
Tampouco esta solicitude tivo resolución gobernativa, foi contestada dous anos despois en 1929, dirixida ó alcalde de Viveiro, alegando que se pechaba o caso por non aportar unha documentación pendente pero, para esa fecha, a sorte estaba botada.
Durante todos estes anos de enfrontamentos entre López e Barro o auxe económico deste último era evidente, a fábrica de compoñentes industriais de Chavín estaba en plena expansión, mentres que as actividades económicas do primeiro diminuían, este feito reflíctese na relación de maiores contribuíntes do ano 1922: Barro pagaba de cota 4.507, 68 pesetas, mentres que a de Benigno López era de 2.585,09 pesetas, o cal manifesta unha diferenza significativa.
O golpe definitivo da contenda ven no ano 1928, un dos negocios máis transcendentes de López é o bancario que, inesperadamente, entra en bancarrota cando os impositores queren recuperar o seu diñeiro e os fondos non chegan.
Contan as lendas populares que a esta situación chegouse despois dos rumores estendidos na comarca polo grupo de Barro, dicindo que a banca non tiña fondos.
O efecto foi brutal, o 26 de setembro de 1928 suicídase Benigno López Muñoz, o xornal El Eco de Santiago daba así a noticia:
Anos despois Barro constrúe o encoro de Belsar e a central de Santa Mariña no parroquia de Xerdiz, que dará enerxía a toda a comarca e pasará posteriormente á empresa Barras Eléctricas o mesmo que Electra Riobarba.
Contaban, aqueles que viviron estes sucesos, que Xosé Barro nos últimos momentos de vida, no ano 1943, dixo estas derradeiras palabras: “este é o único preito non gano”.
Mesón s/n 27856 Ourol (Lugo)
L – V: 8:00 – 14:30
Concello de Ourol utiliza cookies propias y de terceros que permiten mejorar la usabilidad de navegación y recopilar información. No se utilizarán las cookies para recoger información de carácter personal. Solo se instalarán las cookies no esenciales para la navegación si acepta esta característica.