Os Fornos Do Cal

OS FORNOS DO CAL

A produción de cal para a construción de casas, branqueo de paredes e para o abono do terreo foi unha actividade importante no século pasado en Ourol. Parece ser que no concello había tres fornos, segundo as fontes consultadas: o forno do cal da Rega, o dos Lagos e un terceiro situado preto deste último. Ós dous primeiros fornos pódese acceder sen problemas, pero non ó terceiro. O estado de conservación dos tres é bastante malo, pois están cubertos de maleza, pero a súa estrutura mantense intacta.

CARACTERÍSTICAS DOS FORNOS

Os fornos construíanse preto dos lugares onde se obtiña a materia prima: a mina de cal, o río (para conseguir a auga) e, por suposto, os lugares onde se conseguía o principal combustible, a madeira.

Estas construcións son cilíndricas, de pedra e situadas en lugares en pendente cunha explanada moi preto do forno que facilitaba a súa construción e a carga e descarga. A base estaba constituída por un oco escavado na terra denominado “ola”, onde se facía o lume. O corpo está construído en pedra e conta cunha boca de pequeno tamaño pola que se introducía a leña para o mantemento do lume e se extraía o cal. No forno da Rega aínda se conserva unha especie de cuberta de madeira situada na entrada da boca do forno; probablemente alí se gardaba a leña para que estivese seca e mesmo podería servir de refuxio para o caleiro nos días máis desapracibles.

PROCESO DE TRABALLO

A persoa que traballa no forno chámase caleiro ou mestre caleiro, quen podía ser o propietario do forno, aínda que normalmente eran traballados por outras persoas que pagaban unha renda.

A técnica de cocción da pedra e a súa extracción é moi antiga. O proceso iniciábase coa selección da materia prima dos montes situados máis preto do forno e coa extracción do cal da mina (no noso caso da mina que hai situada na ladeira da serra de Sabucedo).

Segundo se desprenden das entrevistas realizadas ós veciños, o traballo nestes fornos era bastante duro: Primeiro extraíase a pedra do cal da canteira e transportábase en carros tirados por bois. O forno enchíase ata arriba de todo co cal e facíase o lume xusto debaixo. Este lume tiña que estar noite e día aceso, por iso había varias persoas turnándose para poder mantelo vivo; o cal tiña que estar cocendo tres días e tres noites. Cando a última pedra de todo se poñía vermella xa estaba listo. Logo botábase auga para que arrefriase, o que provocaba unha grande fumareda [este paso realizábase sobre todo cando a cal se destinaba a usos na construción, deixando secar a pasta para obter cal en po]. O cal extraíase por debaixo cun ferro. Neste proceso podían estar traballando unhas catro ou cinco persoas extraendo na canteira e outras tres no forno e algunha máis carretando.

O cal normalmente utilizábase para branquear as paredes das casas e tamén para botar na terra. Os fornos deixaron de funcionar aproximadamente nos anos 50 debido á modernización do proceso e á chegada de novos materiais para a construción.

Unha vez extraída o cal, para mantelo nunhas condicións óptimas de conservación o habitual era gardalo en almacéns próximos ó forno, como é o caso do que hai na Rega, actualmente en estado ruinoso.

Concello de Ourol © 2024. All Rights Reserved - Aviso Legal - Política de Privacidad y Cookies - Accesibilidad

Close Popup

Concello de Ourol utiliza cookies propias y de terceros que permiten mejorar la usabilidad de navegación y recopilar información. No se utilizarán las cookies para recoger información de carácter personal. Solo se instalarán las cookies no esenciales para la navegación si acepta esta característica.

Close Popup